O territorio ocupado polo concello de O Irixo, ten sona de frutífero e produtivo, exemplo disto é a alta produción de cereais que antergo se facía. Os aproveitamentos agro forestais existentes, a excelsa calidade do gando local, así como, a valentía e espírito de loita das súas xentes, fixeron que o longo do tempo O Irixo fose exemplo de xestión do sector primario, sustento principal das familias irixenses.
O paso do tempo, o envellecemento da poboación e o progresivo detrimento do rural a favor das vilas, fixo que o abandono da terra fose en aumento. Terras que outrora lucían limpas e produtivas están hoxe con mato e abandonadas. Soutos e carballeiras que lucían podadas e traballadas, locen agora abandonadas e sen aproveitamento, e no peor do caso, substituídas por especies arbóreas que igualan o seu rápido crecemento, coa súa rapidez de expandilos lumes. Non había casa na quen non houbera animais, non só para autoconsumo, senón para comercializar crías e excedentes. Mostra do detrimento que cos anos sufrimos, é a morte da Feira do Tellado, que non fai nin 50 anos era exemplo na contorna, e acudían visitantes non só de todo Ourense, senón tamén de fora da provincia.
O Irixo ten potencial, as súas xentes saben como explotar a terra, teñen o fundamental en todo proxecto de dinamización, o coñecemento e o bo saber facer, temos gandeiros expertos, agricultores e colleiteiros que de sempre lle dixeron que o traballo na cidade era moito mellor que o do pobo, que o dos demais é mellor que o propio. Que dende nenos se lles aprendeu como se coidaba o gando e a terra, o tempo que se empuxaban a camiñar cara a cidade supostamente para mellorar o seu futuro.
Pero os tempos cambian, e a xente está a demandar saídas laborais no rural, está a ver que a calidade de vida que de nenos tiñan, a perderon o seguir o rumbo que lles marcaron. E é a administración a que debe tender a man e facilitar que o rural “apeteza”, que o rural sexa unha opción de vida e de traballo.
O Irixo ten as terras, desexamos crear e fomentar o traballo, e con elo crear a vida de pobo, o crecemento das nosas xentes, o volver a oír nenos xogar nas rúas. E para elo, proponse un proxecto ambicioso, con un obxectivo fundamental: ilusionar os veciños, demostrar que O Irixo é unha perfecta opción de futuro.